Monday 06 de May de 2024

Política Social avanza na aprobación do decreto que regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica que fomenta a inclusión da perspectiva demográfica nas políticas galegas



O Observatorio, asesorará e fomentará a colaboración institucional e participación social en materia de demografía, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

O texto do anteproxecto de decreto polo que se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica xa se pode consultar na páxina web da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, desde o pasado venres 10 de xuño. Deste xeito, a Xunta de Galicia dá un novo paso cara a aprobación definitiva do decreto que posibilitará a posta en marcha do Observatorio, un órgano de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, queda iniciado o período de audiencia pública. Coa apertura da fase de alegacións poderanse realizar achegas e suxestións antes do día 28 de xuño de 2016..

O decreto que será aprobado nos vindeiros días no Consello da Xunta define o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica como un órgano colexiado con competencias en materia de demografía, e o adscribe á consellería competente en materia de benestar social, contando coa participación na súa composición de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia, dunha representación da Administración estatal e local así como das organizacións representativas de intereses económicos e sociais.

A finalidade do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica será a de facilitar o coñecemento pormenorizado da realidade demográfica galega e asesorar ás administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas. Así mesmo, servirá de foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e as organizacións representativas de intereses sociais e económicos, co fin de asegurar a súa participación activa na abordaxe dos desafíos derivados do cambio demográfico.

Plan de dinamización demográfica e Plan estratéxico de Galicia
O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica enmárcase dentro do Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, e do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 que inclúe, entre outros, o obxectivo transversal da dinamización e revitalización demográfica de Galicia e establece un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe.

Os estudos que se veñen realizando sobre a evolución da poboación galega dan conta dunha situación de cambio demográfico, caracterizada pola diminución das taxas de natalidade, por debaixo do nivel de reemprazo xeracional, o descenso da mortalidade e unha esperanza de vida crecente e prolongada. Galicia está a perder progresivamente peso no conxunto da poboación do Estado e é, na actualidade, a terceira comunidade autónoma co índice de fecundidade máis baixo e tamén a segunda comunidade cun maior índice de envellecemento.

A xestión desta situación obriga a adoptar unha visión sistémica e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar, aspectos que se presentan como un dos retos e tarefas fundamentais de cara ao futuro non só da Xunta de Galicia e do resto de administracións públicas galegas, que deberán incorporar os factores poboacionais no deseño e desenvolvemento das políticas públicas, senón tamén dos axentes sociais e económicos que operan no territorio.